Vivir para resistir en Palestina

Sofía Caamaño

Foto: Unha rúa do campo Dheisheh, en Belén. Cedida por Laylac.

Muros repletos de retratos con cadansúa correspondente data escrita en numeración arábigo-índica debaixo. Debuxos de mortos que recordan que as persoas refuxiadas do campo Dheisheh en Belén, Palestina, están vivas. “Aínda que non queiras andar metido en política, no campo non podes. Os soldados israelís chegarán e será imposible que non cheires o gas lacrimóxeno. É o estado sionista quen nos incita a seguir loitando”, conta Naji Owdah, director da asociación Laylac que traballa con e para os refuxiados de Dheisheh.

Este campamento creouse en 1949 coa finalidade de ser o refuxio de 3000 persoas palestinas que tiveron que escapar das súas casas despois da coñecida como Nakba ou catástrofe para o pobo palestino e Guerra da Independencia para os israelís. Na actualidade viven alí máis de 15.000 persoas segundo datos da UNRWA – Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo –.

Dheisheh 2
Muro con retratos en Dheisheh. SOFÍA CAAMAÑO

Naji leva toda a súa vida en Dheisheh e está acostumado a durmir entre tres e catro horas diarias. “Non podemos descansar, temos que estar alerta. Moitas noites aparecen as cinco da mañá os soldados israelís. Non fai moito, en 45 minutos dispararonlles ata a 14 persoas. Vivimos con medo todos os días”, narra. Ao igual que el, Ammar S. está acostumado a vivir con esa presión: “Eu medrei con tanques ao lado da miña casa”. As malas condicións do campo animáronos a crear Laylac en 2005. A súa misión principal é a defensa dos dereitos humanos das persoas que habitan o lugar ademais de organizar distintas actividades que pretenden crear comunidade e conciencia crítica dentro do campo. “Para min existe unha diferencia fundamental entre vivir para sobrevivir e vivir loitando pola mellora. Se só vives para sobrevivir, por que estar pensando no que sofren o resto de persoas, na guerra ou na xente que morre?”, cuestiona. No campo de persoas refuxiadas Dheisheh non hai ninguén sen fogar. “Aquí todos nos axudamos entre nós. Se che pasa calquera cousa vas ter aos veciños ao teu lado para axudarche no que sexa necesario”, relata. Para Naji, esta conciencia comunitaria dos habitantes do campo contrasta co individualismo que está a colonizar a mentalidade da cidadanía europea: “Alí, en Europa, a xente xa non se preocupa polos demais. Aquí é distinto. Somos unha comunidade e necesitámonos. Necesitamos manternos unidos”.

“Algún día chegará a liberdade. Nós loitamos por Palestina porque somos palestinos pero a longo prazo o que queremos é acabar co sistema imperialista e capitalista”.

Segundo o director de Laylac, o que acontece en Palestina é “unha masacre diaria”. Fala tamén de como o goberno israelí consegue “converter en normal algo que non o é”. Refírese ao ingreso en prisión: “O anormal aquí é que unha persoa nunca estivera entre reixas”. Ammar recorda que cando os israelís o encarceraron polo seu labor de activista el seguía, aínda na cárcere, resistindo a ocupación: “A forza está nun mesmo. Alí dentro eu seguíalle dicindo aos soldados que me podían encerrar, pero que continuaba estando en Palestina”. Para el non existe unha gran diferenza entre unha cela e o territorio en que habita: “Ambas as cousas teñen portas e son os israelís quen deciden se abrilas ou pechalas. No cárcere ou en Palestina estou igual de atrapado. Segue sen haber liberdade”.

Despois de 70 anos de ocupación Naji mantén a esperanza: “Algún día chegará a liberdade. Nós loitamos por Palestina porque somos palestinos pero a longo prazo o que queremos é acabar co sistema imperialista e capitalista”.

Este material se comparte con autorización de El Salto

Este material periodístico es de libre acceso y reproducción. No está financiado por Nestlé ni por Monsanto. Desinformémonos no depende de ellas ni de otras como ellas, pero si de ti. Apoya el periodismo independiente. Es tuyo.

Otras noticias de internacional  

Dejar una Respuesta